Indiano

Cando a finais do s.XIX e principios do s.XX os primeiros emigrantes retornan de América, prodúcense grandes cambios en Ribadeo co mecenado de diversas iniciativas socioculturais, investimentos en industria e comercio, e a mellora de diversas infraestruturas e equipamentos. 
Estes emigrantes retornados, coñecidos como “Indianos”, construíron grandes casas con exuberantes xardíns que, polo seu deseño cosmopolita e os materiais empregados, contrastan coa arquitectura tradicional e que se poden ver paseando polas distintas rúas da vila, nun percorrido máis aló do tempo.

O Legado Indiano

Os indianos con fortuna cofinanciaron a construción da traída de auga potable á vila, a construción do mercado de abastos e o cemiterio, as súas achegas permitiron habilitar espazos urbanos como o parque existente fronte á casa consistorial e, por ende, investiron en educación, facendo doazóns para edificar centros de ensino, vallan como exemplos o de Rinlo e a escola de capacitación agraria Pedro Murias.
Tamén construíron as súas vivendas, convertindo a Ribadeo no municipio galego que posúe maior taxa de casas indianas ou de indianos. Entre este patrimonio destaca a Torre dos Moreno símbolo arquitectónico da vila e un dos edificios máis representativos da arquitectura indiana en Galicia.

Ribadeo Indiano

A tradición apoderase cada ano das rúas de Ribadeo, reavivando o espírito da antiga cultura indiana, símbolo de unión. A experiencia indiana cobra outro sentido, ao camiñar pódese ver aos ribadenses vestidos coa típica indumentaria indiana, con traxes anchos e vestidos de cores claras, case sempre brancos ou beige e con algunha cor máis viva nos baixos ou a cintura. Os traxes adoitaban ter mangas rubias e encaixes, no caso das damas. E os señores con guayaberas, pantalóns brancos ou beige e traxes de liño con ou sen garabata, moitos cubertos con sombreiro panameño, que normalmente era de cor branca, tal e como se facía en América.
Exposicións de arte, cine, teatro e actuacións musicais complementan unha festa na que todo Ribadeo rende homenaxe aos indianos e ao seu legado que está moi presente nunha vila onde é moi difícil encontrar entre os seus veciños alguén que non teña un avó ou antepasado que non emigrase para mellorar a súa vida e a dos seus, pois este fenómeno influíu notablemente en dúas xeracións completas.

Coñécea

A ruta que aquí empeza consta de dous itinerarios, un urbano e outro que discorre polo rural. A través deles coñecerás parte do amplo legado indiano ribadense, algunhas das edificacións máis significativas, que hoxe en día son verdadeiras xoias arquitectónicas.
Casa Rosa_ccexpress

Ruta Indiana Urbana

A Ruta dos Indianos Urbana permite no seu percorrido coñecer as construcións indianas máis emblemáticas da vila de Ribadeo, exemplos dos máis significativos en Galicia, dende a céntrica Praza de España, pasando o Barrio de San Roque e ata un dos antigos accesos a Ribadeo.

Ruta Indiana polo Rural

As infraestruturas e vivendas que encadradas dentro da denominada “Ruta dos indianos polas parroquias” sorprenderán ao visitante que se achegue a coñecelas. A Granxa-escola Pedro Murias en Vilaframil, a casa de don Inocencio en Rinlo ou as magníficas construcións existentes na parroquia de A Devesa, onde destaca a Casa Place Margarita ou o Círculo Habanero, falan dun pasado que marcou o desenvolvemento de Ribadeo e a idiosincrasia da sociedade ribadense.