Xeoruta dos Pregues

Dos Pregues

Nesta xeoruta descubriremos unha das maiores estruturas xeolóxicas da Mariña lucense, estamos a falar dun gran pregue que se estende dende a Ría de Foz ata a Ría de Ribadeo. Neste sector camiñaremos pola súa charnela, zona de máxima curvatura, caso das enseadas da Vella e do Loureiro. Este pregue xerouse durante o Paleozoico Superior, debido a colisión de dous supercontinentes fai máis de 350 millóns de anos. Como complemento da visita, destacaremos a presenza de bos exemplos de erosión diferencial, e materiais que falaran de que o nivel do mar non sempre foi o mesmo.
.

Rego Moreira

Esta xeoruta dos pregues ten o seu punto de inicio ó carón da estrada da costa, nas inmediacións de Río (na parroquia de Piñeira).
O sendeiro descende ata a desembocadura do rego Moreira, onde se pode contemplar unha excepcional furna (agora un canón) produto da erosión mariña a favor dunha zona de fractura.

Enseada da Vella

Un pouco máis adiante chegamos á enseada da Vella, onde as rochas da zona, cuarcitas e lousas dunha formación xeolóxica de máis de 450 millóns de anos, mostran unha disposición en forma de arco, como unha letra C.
Estamos no que se denomina a zona de charnela, zona de máxima curvatura dun pregue, un enorme pregue que comeza na Ría de Foz e se estende ata a Ría de Ribadeo.
Esta estrutura orixinouse hai máis de 350 millóns de anos, momento no que chocaron dous grandes supercontinentes: Laurussia e Gondwana.

Punta de Feleirós

Á entrada desta enseada, na Punta Feleirós achamos un fermoso exemplo de arco rochoso. Os arcos rochosos son o resultado da evolución xeomorfolóxica destes cantís por mor da intensa erosión mariña, neste caso, e en contraste cos atopados na praia das Catedrais, a orixe sería a presenza dun nivel de rochas máis brandas (lousas) rodeado de rochas máis resistentes (cuarcitas), fenómeno que se coñece como erosión diferencial.

Punta Gallín

Continuando polo sendeiro que vai pegado á costa chégase a Punta Gallín.
Aquí atopamos uns materiais, mestura de gravas, areas e arxilas, que nos indican que o nivel do mar non sempre foi o mesmo. De feito, hai uns 120.000 anos o clima era moito máis cálido que o actual e o nivel do mar estaba máis alto. Había menos xeo nos casquetes polares e máis auga no mar.

Enseada do Loureiro

É característico do litoral da enseada do Loureiro a presenza de filóns de seixo, resultado da circulación de augas moi quentes entre as fendas das rochas desta zona. Algúns destes filóns incluso se atopan cortados por fallas que lles fan perder a continuidade.
Do mesmo xeito son frecuentes os exemplos de haloclastia, un novo fenómeno xeolóxico, resultado da interacción entre o salseiro mariño e os graos minerais presentes nas rochas, dando lugar a unhas estruturas circulares a modo de cazoliñas.

Descúbrea

Descarga a App de RibadeoXNatural e coñece esta e outras rutas naturais.