Xeoruta dos Ollos

Os Ollos

A xeoruta dos ollos toma este nome da concentración, nesta parte da costa, dunhas formacións xeomorfolóxicas denominadas “Ollos”. Este é o nome que lle deron os pescadores locais ás estruturas circulares que aparecen nas zonas litorais, e que permite a entrada de luz nas furnas, así, dende o mar parecen ollos de luz nas escuras paredes do cantil.
.

Ollo de Rinlo

Esta ruta iníciase nas inmediacións do Foxo Redondo ou Ollo de Rinlo. Os ollos orixínanse como consecuencia da evolución que sofren os cantís pola erosión mariña co paso de centos de anos.
O Foxo Redondo é un dos maiores que existen no litoral de Ribadeo. Chama a atención a súa situación, pois a pesares de atoparse no medio dun prado, ten conexión directa co mar. De feito na preamar é posible ver como a auga mariña cubre boa parte da súa base.

Litoral de Rinlo

Nesta parte do litoral de Rinlo atopamos rochas, as cuarcitas e as lousas, con diferente dureza e resistencia fronte ao desgaste. Este fenómeno coñécese como erosión diferencial. Así, as lousas son moito máis brandas que as cuarcitas, o que fai que estas últimas queden en resalte.
No cantil deste sector da costa ribadense é habitual ver a moitas mulleres xogándose a vida para arrancarlles ás rochas unha fonte de sustento imprescindible para a economía familiar, o percebe. Esta perigosa profesión era tradicionalmente feminina. 

Porto de Rinlo

A escasos metros cara o Oeste chegamos ó Porto de Rinlo, fermosa enseada de orixe natural xerada por unha intensa e salientable rede de fracturas que o mar aproveitou para erosionar de xeito máis intenso.
Porto histórico de orixe medieval, segundo algunhas fontes, foi un porto baleeiro feito nun dos poucos entrantes propicios desta costa, a Enseada da Areosa.
Entre moitos dos productos que se traían a este porto destacan o chicharro e a sardiña, e tamén o percebe. A este marisco dedícaselle unha das celebracións que máis xente atrae á vila: A “Festa do Percebe”.

Cetaria da Ínsua

Se continuamos camiñando cara o Oeste chegamos á zona das cetarias de Rinlo, antigas industrias do cultivo de marisco que aproveitaron formas litorais, as furnas, para establecerse alí. Nestes pequenos abrigos da costa formábanse unha especie de piscinas naturais onde se criaban, entre outras, lagostas e centolas. En total chegou a haber 3 en funcionamento, e supuxeron un grande pulo na economía da vila.
Uns poucos metros máis adiante atopamos a cetaria da Insua, neste caso construída entre dúas furnas que conflúen orixinando un ollo, e onde hoxe en día son visibles as parcelas empregadas no cultivo do marisco.

Punta Corveira

O treito final da xeoruta discorre polo litoral de Punta Corveira. Este lugar do cantil toma o seu nome da presenza nel dun número importante de corvos mariños.
Neste punto observamos un novo fenómeno xeolóxico, resultado da interacción entre o salseiro mariño e os graos minerais presentes nas rochas, dando lugar a unhas estruturas circulares a modo de cazoliñas. Este fenómeno coñécese como haloclastia.

Cetaria de Foxo Longo

Seguindo polo sendeiro costeiro chegamos á ultima cetaria que estivo en funcionamento en Rinlo. Ao igual que a primeira instalouse nunha furna, pero neste caso de maior tamaño. Se continuamos a traza da fractura que a orixinou atopámonos cun ollo.
O seu lugar de emprazamento non é casual, coincide exactamente coa intersección entre a fractura da cetaria e outra fractura que vén dende máis ó norte.

Descúbrea

Descarga a App de RibadeoXNatural e coñece esta e outras rutas naturais.