Xeoruta dos Arcos

Os Arcos

Con esta ruta xeolóxica poderás descubrir, paso a paso, o proceso que orixinou os arcos rochosos da praia das Catedrais, o maior conxunto de arcos rochosos da Península Ibérica. E tamén, a explicación do motivo polo que un número tan importante delas se concentran nesta praia, estamos ante un incrible Monumento Natural que representa unha das marabillas xeolóxicas máis destacadas que temos en Galicia. Do mesmo xeito, este tramo costeiro amosa moitos elementos xeomorfolóxicos (furnas -covas mariñas-, ollos -bufaderos-, illotes, etc.) presentes na evolución destes cantís da Mariña.

As Catedrais

Esta ruta comeza no camiño da praia das Catedrais, espazo catalogado “Monumento Natural”. Podemos observar a erosión mariña sobre o cantil dando lugar aos famosos arcos.
O punto de partida é unha fractura na roca, logo fórmase as furnas, os túneles rochosos, os arcos e por último os illotes. É un proceso vivo que evoluciona cara á desaparición ou cara á creación de novas formas

As Catedrais

Declarada Monumento Natural no 2005, pertence a Rede Natura 2000, así como tamén é Reserva da Biosfera dende o 2007.

Punta As Chas

No extremo oriental da praia, na Punta das Chas, atopamos o maior conxunto de arcos da costa ribadense. Neste lugar, a presenza dun gran número de microfracturas nas rochas posibilitou que a erosión mariña desgastara o macizo rochoso dunha forma máis acastelada, así como a formación dun maior número de arcos. Un feito excepcional do litoral de Ribadeo.

Praia de Esteiro

Uns poucos metros máis adiante, chegamos a Esteiro, a orixe desta praia sería tamén consecuencia da fracturación que afecta a toda esta costa. Este areal presenta dúas pequenas enseadas, orixinadas por mor de grandes fracturas, aproveitadas polo curso fluvial de dous pequenos regos.
Xusto debaixo das escaleiras de acceso ao areal atopamos os restos dun xacemento arqueolóxico, un forno da época romana onde foron atopados diversos achádegos de cerámica.

Litoral do Cadramón

Seguindo polo sendeiro chegamos ao litoral do Cadramón. Neste sector desenvolveuse unha salientable furna, produto da evolución xeomorfolóxica vista xa na praia das Catedrais.
A escasos metros pode observarse tamén un fermoso arco rochoso, pero neste caso o máis significativo é a presenza de rochas dun aspecto verdoso denominadas diabasas, que cicatrizan a fractura que deu orixe a este arco.

Praia das Illas

O treito final desta xeo-ruta discorre pola estrada da costa que nos levará ata a praia das Illas onde de novo afloran cuarcitas e lousas. Nesta praia o máis salientable é a presenza de estruturas xeolóxicas nas cales as rochas se dobran (pregues), se parten (fracturas) ou se parten e dobran ao mesmo tempo (kink- bands). Ocasionalmente tamén son visibles algúns arcos rochosos.
Nas inmediacións deste areal existe un xacemento arqueolóxico da época castrexa.

Descúbrea

Descarga a App de RibadeoXNatural e coñece esta e outras rutas naturais.