Xeorutas

As xeorutas son o noso produto recomendado durante todo o mes de xaneiro.
A costa de Ribadeo, ademais de contar cun elevado valor ecolóxico, é un espazo de referencia a nivel nacional e internacional pola súa riqueza xeolóxica excepcional. Aquí atopámonos dende o conxunto de arcos rochosos máis importantes da península ibérica, ata a maior estrutura xeolóxica da Mariña Lucense: a charnela do gran pregue que se estende desde a Ría de Foz ata Ribadeo. Estes valores naturais foron a base para estruturar desde o 2015 as “XEORUTAS”, unha serie de itinerarios xeolóxicos que pretenden incrementar o goce dos nosos visitantes e mellorar o coñecemento sobre a orixe e as peculiaridades deste litoral único.

Xeoruta dos Arcos.

Con esta ruta xeolóxica poderase descubrir, paso a paso, o proceso que deu lugar ós arcos rochosos da praia das Catedrais, o maior conxunto de arcos rochosos da Península Ibérica. E ademais, a explicación do motivo polo que se concentra un número tan importante deles nesta praia.
Estamos ante un incrible Monumento Natural que representa unha das marabillas xeolóxicas máis destacadas que temos en Galicia. Do mesmo xeito, este treito costeiro mostra moitos elementos xeomorfolóxicos (furnas –covas mariñas-, ollos ou bufadeiros-, illotes, etc.) presentes na evolución destes cantís da Mariña.
Trátase dunha ruta de 2,6 km de lonxitude para a que resulta imprescindible coñecer sempre a hora á que comeza a subir a marea xa que é aconsellable comezar a nosa visita unha hora antes de baixamar, e vixiar a súa evolución.

Xeoruta dos Ollos.

Esta zona da costa de Ribadeo é moi peculiar, forma parte do que se coñece como “rasa cantábrica”, que non é outra cousa que unha superficie achairada a medio camiño entre os cantís e as montañas, duns 3 quilómetros terra a dentro. As rochas que atopamos nestes cantís son lousas e cuarcitas, que forman capas ben visibles e que se erosionan facilmente co embate do mar. Esta erosión é moi intensa, o cal favorece a formación de furnas (covas mariñas), ollos (bufadoiros), arcos e illotes. Todas estas peculiaridades fan que esta zona teña o recoñecemento de lugar de interese xeolóxico.
A xeoruta dos ollos toma este nome da concentración, nesta parte da costa, dunhas formacións xeomorfolóxicas denominadas “Ollos”. Este é o nome que lle deron os pescadores locais ás estruturas circulares que aparecen nas zonas litorais, e que permite a entrada de luz nas furnas, así, dende o mar parecen ollos de luz nas escuras paredes do cantil.

Xeoruta dos Pregues

Nesta xeo-ruta descubriremos unha das maiores estruturas xeolóxicas da Mariña lucense, estamos a falar dun gran pregue que se estende dende a Ría de Foz ata a Ría de Ribadeo. Neste sector camiñaremos pola súa charnela, zona de máxima curvatura, caso das enseadas da Vella e do Loureiro.
Este pregue xerouse durante o Paleozoico Superior, debido a colisión de dous supercontinentes fai máis de 350 millóns de anos. Como complemento da visita, destacaremos a presenza de bos exemplos de erosión diferencial, e materiais que falaran de que o nivel do mar non sempre foi o mesmo.