Senda Azul

A Senda Azul

Senda litoral de 5,6 Km de lonxitude que discorre entre o Faro da Illa Pancha e o Muíño das Aceas, atravesando parte da contorna natural e urbana e bordeando a Ría de Ribadeo.
Esta senda litoral foi recoñecida como Sendeiro Azul no ano 2012. O seu trazado atravesa a zona portuaria de Ribadeo, na que atopamos o porto deportivo recoñecido coa Bandeira Azul, e bordea en todo momento a Ría de Ribadeo, posuidora de múltiples recoñecementos ambientais. 
A Senda Azul posúe varios tramos ben diferenciados. O primeiro, ben adaptado, abarca dende o Faro de Illa Pancha ata o Forte de San Damián. O seguinte condúcenos ata o conxunto recreativo do Cargadoiro. Dende este punto en diante, a senda presenta limitacións para persoas en situación de discapacidade. A seguinte etapa conduciranos ata o Porto Deportivo, a Praia dos Bloques e, finalmente, desde a Casa das Algas ata o Muíño das Aceas, tramo no que o sendeiro discorre por unha área arborizada.

Illa Pancha

Esta illa alberga os dous faros de Ribadeo. O antigo, de planta cadrada e actualmente rehabilitado como aloxamento turístico, foi construído no século XIX e posteriormente substituído polo actual a finais do século XX. Este último, de maior alcance, érguese sobre unha torre circular de formigón decorada con franxas brancas e negras.
Segundo algunhas guías turísticas, está considerado como un dos faros máis fermosos de Galicia e tamén é o primeiro deles entrando nesta comunidade dende Asturias.

Forte de San Damián

É o mellor exemplo de arquitectura militar de Ribadeo.
O forte foi construído nun punto estratéxico e de difícil acceso, polo Marqués de Cerralbo no ano 1624. A súa misión era protexer a entrada da ría ante posibles ataques por mar, para o que foi provisto de artillería.
Foi destruído nun ataque por parte dos ingleses no ano 1719. En 1774 foi reconstruído, pero unha explosión sufrida no ano 1809, durante a Guerra da Independencia, volveu a convertelo en ruínas.
O forte atópase nun lugar cunhas vistas espectaculares de Ribadeo e da súa ría.

O Cargadoiro

Este parque etnográfico alberga hoxe os restos dun antigo cargadoiro de mercadorías. Trátase dunha pasarela que servía de cargadoiro dun complexo mineiro industrial baseado na extracción do ferro. Coa axuda dun guindastre, traspasábase a carga do tren ós barcos que se atopaban debaixo, facilitando así o comercio coas embarcacións de grande calado, ó evitarlles ter que entrar na ría e depender das subidas e baixadas das mareas.
O mineral era transportado por ferrocarril ata este lugar a través dunha liña ferroviaria duns 32 km de longo, que a comezos do século XX conectaba Ribadeo cos fornos da zona mineira de Vilaoudriz, na Pontenova.

Porto Deportivo

O porto deportivo de Ribadeo está situado en Porcillán, no punto de orixe da vila, e conta na actualidade con 800 socios/as e máis de 400 embarcacións. É un dos poucos portos deportivos con Bandeira Azul que existen en Galicia e o único da provincia de Lugo.
Xestionado polo Real Club Náutico Ribadeo, cuxa fundación se remonta a 1974, o porto foi incrementando notablemente os seus servizos e instalacións a partir dos anos noventa, un crecemento que trouxo consigo unha afección cada vez maior entre os/as ribadenses pola navegación, vela, pesca deportiva…

Casa das Algas

Coñecida tradicionalmente como Fábrica de Algas, aquí fabricábanse diversos produtos derivados das algas. Estas recollíanse na ría durante a marea baixa e sometíanse posteriormente a un proceso de secado ó sol que duraba entre un e tres días.
O edificio está rehabilitado e na actualidade alberga ó Club de Remo local.

Muíño de mareas

Os muíños foron unha peza patrimonial moi característica dentro da arquitectura popular galega. Estaban destinados a moer cereais, especialmente trigo e millo, para obter fariña coa que elaborar alimentos ou comida para o gando.
Un dos tipos de muíños é o de mareas, baseado no aproveitamento da forza da auga. Cando o nivel do mar sobe, ábrense as comportas e énchese unha zona de reserva, na que a auga queda retida. Durante o descenso da marea ou na marea baixa, as válvulas que regulan a saída de auga ábrense e a auga almacenada na zona de reserva vértese cara ao mar, impulsando a rotación da roda do muíño.

Descúbrea

Descarga a App de RibadeoXNatural e coñece esta e outras rutas naturais.