Ruta dos Montes e o Cantábrico

Dos Montes e do Cantábrico

Presentamos unha das rutas máis completas, que aúna da mellor forma posible montaña e mar. A nivel técnico é moi asumible, xa que transcorre na súa maioría por pistas de terra, amplas e sen grandes desniveis. A nivel físico algo esixente xa que o final da ruta acumulamos un desnivel de 734m, chegando a unha cota máxima de 470m sobre o nivel do mar.
Saíndo da Oficina de Información Turística de Ribadeo, e seguindo un pequeno tramo do Camiño de Santiago, dirixímonos cara a aldea de O Covo, onde comezaremos a subir por pistas forestais pasando por puntos tan emblemáticos como Monte Coroa, Alto do Cotoril e Penalonga, tres miradoiros naturais onde podemos contemplar o Mar Cantábrico en todo o seu esplendor. Despois de pasar preto da cima de Penalonga, a 470m, chegando a altitude máxima, comezaremos o noso descenso cara a Praia das Catedrais, onde faremos un tramo da espectacular Ruta do Cantábrico ata Ribadeo.
Neste tramo, a paisaxe, dificultade e as sensacións cambian. A diferenza do anterior tramo, este pode ser realizado por persoas sen gran experiencia en BTT, incluso familias con nenos. Na ruta do Cantábrico pasaremos por puntos de grande interese xeolóxico ou arqueolóxico. Tamén cabe destacar o fermoso pobo de Rinlo coas súas cetarias tradicionais ou o famoso faro de Illa Pancha.
En definitiva, unha ruta con moita paisaxe e historia.

Capela de San Lázaro

Situada no barrio do mesmo nome, hoxe é un paso obrigado para os peregrinos que transitan o Camiño cara a Santiago.
Na porta esquerda, gardada por reixas, hai un pequeno altar coa imaxe de San Lázaro. Este santo era o patrón dos leprosos e dos pobres, motivo polo cal ós hospitais, especialmente ós infecciosos e máis aínda ós de leprosos, se lles chamaba “lazaretos”.
LAZARO

Penalonga

Tres protuberancias do terreo delatan a existencia de mámoas, túmulos funerarios celtas abundantes na comarca. As mámoas de Penalonga están catalogadas como Ben de Interese Cultural e a súa contorna protexida.

Praia das Catedrais

Esta contorna natural está constituída por cuarcitas e lousas, rochas orixinadas fai aproximadamente 500 millóns de anos.
Declarada Monumento Natural no 2005, é ademais unha dos ZEC (Zona de Especial Conservación) da Rede Natura 2000, Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, así como tamén Reserva da Biosfera desde o 2007.

ESTEIRO

Neste xacemento arqueolóxico atopamos os restos dun forno romano no que se acharon unha gran cantidade de material cerámico disperso polos desniveis que dan á praia.
Os fragmentos cerámicos recollidos correspóndense con pezas de pasta vermella, paredes grosas e de formas un tanto rudas que poderían situarse dentro da tradición indíxena posiblemente da Idade do Ferro.

Praia das Illas

A súa branca e fina area expándese entre un conxunto de illotes e costa, formando coa ondada desta praia unha atractiva paisaxe costeira.
Con baixamar presenta amplos areais orientados un ao oeste e outro ao leste.

Casa don Inocencio

Por ser o punto máis elevado de Rinlo e estar situado nas proximidades da liña de costa, o miradoiro da Casa de don Inocencio foi utilizado como faro, o primeiro desa zona de litoral, sendo o primeiro faro do Cantábrico instalado nun inmoble privado e, por ende, custeado polo propietario do edificio.

Enseada Olga de Arnela

O treito final deste percorrido discorre pola enseada Olga de Arnela, onde se contempla un arco mariño que se desenvolveu nun macizo rochoso intensamente pregado, resultado da intensa erosión mariña sobre unha zona de fractura.

Descúbrea

Descarga a App de RibadeoXNatural e coñece esta e outras rutas naturais.