Ruta dos Indianos

Ruta dos Indianos

Cando os primeiros emigrantes comezaron a regresar, levantaron vivendas dun estilo moi diverso aínda que inconfundible.
Trouxeron unha arquitectura cosmopolita que se inseriu de forma rechamante entre as casas tradicionais, para simbolizar o triunfo e o éxito conseguido fóra. Son vivendas cómodas, amplas, abertas ó exterior, con novas formas e materiais que falan de riqueza, sofisticación e formas de vida urbanas, con elegantes adornos nas fachadas; xardíns exuberantes e con reminiscencias tropicais, onde non faltan palmeiras, magnolios, camelias e valos de forxa que substitúen os vellos muros e portalóns.

Torre dos Moreno

Esta casa de 1915, símbolo arquitectónico da vila, destaca pola súa estética con claras influencias do modernismo catalán. É a única concibida como “casa de rendas”, dividida en tres vivendas por planta, e con notables avances para as casas da época, como o ascensor, os condutos interiores para a recollida de lixo, ou os baños en todas as vivendas.

Casa de Don Clemente

Trátase dunha reforma realizada sobre dous inmobles preexistentes, o que se pon en evidencia na configuración da fachada, con dúas composicións claras. Trátase dun feito pouco frecuente nas casas indianas, de aí a súa singularidade e o seu valor arquitectónico.
 

Barrio de San Roque

Da man de emigrantes retornados vaise configurando, dende finais do s.XIX, este novo espazo residencial no que se aprecian diferentes estilos arquitectónicos en función das diversas tendencias predominantes: modernista, art decó, e rexionalista, formando un patrimonio de gran calidade arquitectónica e estilística.

Casa dos Andés

Esta elegante casa de 1900 é un exemplo paradigmático da arquitectura ecléctica. A súa arquitectura funde elementos procedentes de diversos estilos, entre os que destaca a implementación de ferro forxado e vidro, que se complementan para dar forma ás dúas galerías ou miradoiros que presiden a fachada principal.

Casa da Calzada

A estrutura e decoración desta casa con aires de vila urbana, remiten a unha arquitectura ecléctica na que destaca a ornamentación modernista “Art Nouveau” en xanelas e balcóns. A torre, de disposición asimétrica, o xogo de formas da fachada e o xardín, revelan a influencia dos chalés de factura francesa.

Casa dos Ananos

Con elementos autóctonos reflectidos na sobriedade decorativa ou na torre cadrada típica dos pazos galegos, incorpora formas e tendencias modernas como a apertura ó exterior con grandes xanelas e balcóns. A sinerxia de volumes e materiais utilizados proporciona un aspecto de gran solidez.

Casa do Óptico

Levantada na segunda década do século XX, caracterízase pola sinxeleza das fachadas, quedando a escasa ornamentación circunscrita ás partes altas do edificio e ó perímetro dos vans. Destacan a escalinata de acceso á planta principal e o balcón presidencial, así como o gurugú ou miradoiro que coroa a cuberta e o xardín con especies traídas de ultramar.
Descarga a App de RibadeoXQSi e coñece esta e otras rutas turísticas.
Ou rememora vellos tempos a través de nosa Audioguía Ficcionada.