Ruta da Ría

Ruta da Ría

Trátase dunha ruta circular que parte de Ribadeo e atravesa os montes máis próximos á ría de Ribadeo polo sur da vila, permitindo gozar de espectaculares vistas da mesma.
Esta ruta achéganos tamén importantes elementos do patrimonio etnográfico ribadense. No lugar de Ove destacan os espectaculares hórreos voados sobre a estrada ou a súa igrexa parroquial presidida pola cruz de malta identificativa da Orde Hospitalaria de San Xoán.
O muíño da Ignacia, sobre o arroio de Ramos, permite ao visitante contemplar o seu funcionamento tanto para moer o gran como para producir a electricidade para a súa iluminación. Unha vez na zona de Vilar pódese gozar dunha espectacular vista da ría de Ribadeo, e visitar a capela de Santo Estevo na Graña.
A ruta é curta, duns 6 km, e á súa conclusión, si se baixa até a ría, pódese ir até o muíño de mareas das Aceas . Esta ruta é transitable en bicicleta.

San Xoán de Ove

É un espazo de transición entre a ría e os vales do interior, o seu territorio chega ata o actual núcleo urbano. Aquí posuíron terras a Orde de San Xoán, os mosteiros de Meira, Lourenzá e Santa Clara de Ribadeo e moitos veciños da vila, pois esta era unha zona de intensa dedicación agraria estimulada pola proximidade do mercado urbano.
A súa igrexa parroquial  é mencionada por vez primeira no ano 1.128 como “Sanctus Joanne de Euve”, topónimo relacionado co río Eo, este santuario pertenceu ó Bispado da Mariña.
A súa fachada está presidida pola Cruz da Orde Hospitalaria de San Xoán de Xerusalén que tivo en Ove un importante patrimonio.

Hórreos de Ove

O vocábulo máis común que se utiliza para designar esta construción é o hórreo que identifica un celeiro ou depósito. No idioma galego ten outros nomes como: cabazo, celeiro, espigueiro, e é unha das máximas expresións da arquitectura popular.
A súa altura impide o paso dos ratos e da humidade que se xera en zonas tan chuviosas como Galicia. A través das fendas entra a aireación que necesita o gran de millo, trigo, e doutros cereais.
Estes hórreos voados son de tipo “Mondoñedo”, bastante anchos e de gran capacidade; e caracterízanse por unha pasarela que os conecta directamente coa casa, permitindo o paso de carruaxes entre as cepas ou piares.

Muíño da Ignacia

Os muíños son unha peza patrimonial moi abundante dentro da arquitectura popular galega. Esta construción estaba destinada a moer cereais, especialmente trigo e millo, para obter fariña coa que poder elaborar alimentos ou dar para comer ao gando.
Os ríos e as rías permiten a utilización de forza da auga para o seu funcionamento e en zonas castigadas polos ventos atopamos muíños que aproveitan esta enerxía.
Pola súa xeografía, Ribadeo posúe estas características que lle permiten contar con muíños de río, muíños de vento e muíños de mareas.
Neste podemos observar como a forza deste pequeno arroio pode moer o gran e mesmo xerar electricidade para acender unha lámpada.

Mirador do Vilar

Tras rodear o núcleo da Capela penetramos de novo na masa de árbores para atravesala rumbo á ría. Tras un quilómetro de marcha, xa á entrada de O Vilar, ábrese de súpeto aos nosos ollos unha impresionante vista da boca da ría de Ribadeo.
Dende O Vilar dirixímonos ao próximo núcleo da Graña, atopando polo camiño a capela de San Estevo, un pequeno templo de nave única cun retablo barroco de estilo popular que acolle a imaxe do santo.

Muíño de vento

Emprazado nun outeiro nun lugar moi venteado e apartado pero non lonxe das casas, pertence a D. Felipe Pulpeiro, da casa do Treixo. Este muíño foi construído polo pai do anterior, tamén de nome Felipe Pulpeiro, en 1888. Para erguelo viñeron os canteiros de Ferreira.
Trátase dun muíño fixo de torre con cuberta xiratoria, é dicir, o seu teito cónico é móbil que vira para orientar as aspas ou ver que se encargan de recoller o vento.
O sistema xiratorio da cuberta consistía nun canlón de ferro colocada nas canterías superiores dos muros, sobre da que circulaban 20 rodiñas de ferro.

Descúbrea

Descarga a App de RibadeoXNatural e coñece esta e outras rutas naturais.