Ruta do Ribadeo Ilustrado

Ilustrado

Unha das épocas de maior auxe económico de Ribadeo prodúcese no século XVIII (o século da Ilustración ou das Luces) cando o porto ribadense consegue unha posición de primeiro nivel entre os portos do Cantábrico. Causa e efecto deste auxe, é o establecemento de destacados comerciantes na vila, que transformará a súa fisonomía coa construción de novas vivendas. Nunha das casas máis importantes da vila (Casa de Guimarán), iniciará a súa andaina empresarial Antonio Raimundo Ibáñez (1750-1809). O Roteiro do Ribadeo Ilustrado percorre, da man de Ibáñez, o centro histórico de Ribadeo, poñendo en valor o seu pasado comercial e o patrimonio legado.

Praza de España

Comeza este percorrido no centro neurálxico de Ribadeo, a Praza de España ou do Campo. Ó redor desta praza, álzanse construcións emblemáticas da vila que nos permiten percorrer a súa historia. É o caso das casas fidalgas, a famosa Torre dos Moreno ou o neoclásico Pazo de Ibáñez, que hoxe alberga a sede do Concello. Este edificio foi mandado construír por Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos, como a súa residencia habitual e máis tarde sería propiedade de Antonio Casas Puelles, sendo coñecida como “Casa de Arriba”. O seu soportal con cinco pilastras na fachada principal, é unha das estampas características da vila.

Praza de Abaixo

Deixando atrás a Praza de España pola rúa Amando Pérez -antiga rúa Maior-, atravésase o lugar que ocupaba a «Porta da Vila», da antiga muralla para acceder á Praza de Abaixo. Neste espazo, que foi Praza Maior de Ribadeo ata o século XIX, pódese apreciar o edificio do Antigo Consistorio coa súa balaustrada fabricada en Sargadelos e os seus tres escudos, a indiana Casa de Don Clemente, o Cinema Colón de fachada en estilo art decó e a fachada posterior da Torre dos irmáns Moreno.

Os Catro Canos

Continuando pola rúa Amando Pérez chégase á “Praciña dos Catro Canos”.
Antes de acceder a este recuncho tan auténtico da vila histórica, atópase o Pazo de Miranda, que pertenceu a unha das familias máis importantes do comercio marítimo de madeira -entre os séculos XVI e XVII- de Ribadeo.

Rúa Antonio Otero

Próximo á “praciña”, xa sobre a rúa Antonio Otero, sitúase o edificio que hoxe alberga a biblioteca municipal e que foi entre 1844 e 1875 “Escola de Náutica e Comercio de Ribadeo”, evidenciando a importancia na economía local das navieiras e o transporte marítimo. Neste mesmo recuncho da vila atópase “O Patín”, un dos edificios civís máis antigos de Ribadeo e cuxa familia era coñecida por comerciar con madeira. A fachada principal ostenta o escudo dos Menéndez Navia.

Atalaia

A rúa Bispo Veres e a rúa Atalaia, coas súas antigas casas señoriais, conéctannos con este promontorio sobre o porto, lugar de interese dos máis significativos de Ribadeo pola súa historia e pola beleza das súas vistas.
Debido á súa localización, o lugar foi utilizado desde tempos medievais para guiar aos navegantes por medio de fogueiras, converténdose en 1542, en baluarte defensivo. Aquí sitúase a Capela da Santísima Trindade, unha das máis antigas de Ribadeo, construída no século XII sobre tramos da antiga muralla. Dende esta contorna, é posible acceder ó ascensor panorámico que conectará co Porto.

Porto de Porcillán

A partir da Idade Media, o porto de Porcillán desenvólvese impulsado pola actividade comercial chegando a converterse nun dos portos máis importantes da costa Cantábrica, especialmente durante os séculos XVIII e XIX e ata a aparición da navegación a vapor que motiva a decadencia da navegación a vela, dominante entre as navieiras locais.
Hoxe, a privilexiada zona do porto de Porcillán é un espazo de lecer e servizos conectada por un paseo marítimo polo que transita o Camiño Natural Ruta do Cantábrico e a Senda Azul. É a zona de chegada das lanchas que conectan ámbolos lados da ría e entrada oficial de Camiño de Santiago do Norte en Galicia.

Descúbrea

Descarga a App de RibadeoXQSi e coñece esta e otras rutas turísticas.