Ribadeo Antigo

Antigo

O plano medieval de Ribadeo ten o seu eixe central na rúa dos Ares (hoxe eixe das rúas Antonio Otero-Viejo Pacho) que unía o porto de Porcillán coa porta da muralla que daba á Praza de España. Nela confluían o resto de rúas, xa que a poboación só contaba con dous accesos á ría: a través desta rúa a Porcillán e a través da rúa Ibáñez para a Cabanela.
Desenvolveuse un segundo eixe, paralelo ó anterior, o da rúa Amando Pérez. Aquí construíron as súas casas ricas fidalgos e comerciantes que convivían con mariñeiros e artesáns. O resultado é un conxunto urbano diversificado que combina pazos urbanos con sinxelas construcións.

As Orixes

A existencia do núcleo de Ribadeo remóntase como polo menos ao século IX, época da que se teñen as primeiras noticias deste porto, pero é realmente a partir de comezos do século XII cando comeza verdadeiramente o desenvolvemento da vila e polo tanto do seu casco histórico. É a partir deste momento cando Ribadeo foi adquirindo os elementos propios do ámbito urbano, chegando mesmo a ser sede da diócese de Mondoñedo a finais do século XII.
Durante esa época comezan a aparecer os primeiros edificios de interese nesta praza. Así, constrúese a Colexiata de Santa María do Campo (desaparecida) e posteriormente, no século XIV, os Conventos de Santa Clara e San Francisco, reconvertido na actual Igrexa Parroquial.

Os Condes

Neste mesmo século pasa a converterse nun condado e, polo tanto deixando de estar baixo xurisdición real. Hoxe en día este condado forma parte da  Casa de Alba.
Constrúese a fortaleza ou castelo, no solar que actualmente ocupa a Torre dos Moreno. Estaba destinada como residencia dos seus representantes e almacén de armas e munición. Aquí tamén vivía o alcalde da vila. E houbo un tempo no que os seus sotos serviron de cárcere.
E tamén coa chegada dos condes se levanta a Muralla que se derribaría no século XIX, ao desbordar o crecemento da vila os límites da muralla, salvándose unha pequena parte (hoxe en día practicamente irrecoñecible) na rúa da Muralla. Pero xa no s.XVIII a muralla era percibida como innecesaria pola veciñanza, de aí que moitos deles aproveitasen as pedras para construír as súas casas.

O esplendor

O desenvolvemento de Ribadeo durante os seguintes séculos está directamente ligado co comercio marítimo e co desenvolvemento do porto. Esta actividade comercial foi tan intensa que provoca o asentamento de numerosos comerciantes e armadores na vila, os cales van a transformar o casco histórico construíndo novas vivendas.
Deste xeito, nas súas fermosas rúas da vila concéntranse unha mestura de conxuntos arquitectónicos entre os que se atopan casas populares de artesáns e mariñeiros xunto con outros edificios de maior rango que testemuñan o pasado florecente da vila. En moitas delas a fidalguía ribadense fixo un amplo uso dos brasóns, escudos que mostraban a súa liñaxe de ascendencia, colocándoos como elementos identificadores e ornamentais nas súas residencias e vivendas.

O rexurdimento

O intenso tráfico comercial propiciou a instalación dunha aduana (s.XVIII) neste porto, que chegou a ser a terceira en canto a volume de recaudación do reino de Galicia por detrás das de Coruña e Ferrol.
Xa a principios do s.XIX graváronse de novo as importacións de liño e comezan a invadir Galicia os texidos das novas fábricas catalanas ou de Europa do Norte. A este revés únese que as principais casas armadoras non se sumaron á innovación tecnolóxica coa chegada na navegación a vapor. A partir de aí prodúcese un forte resentimento das actividades comerciais e, polo tanto, tamén o declive económico da vila.
Con todo, no século XX o comercio marítimo en Ribadeo vive un rexurdimento grazas ao proxecto desenvolvido para explotar as minas de mineral de ferro de Vilaodriz, na Pontenova.

Descubre

Hoxe, o casco histórico de Ribadeo é unha zona ideal para pasar unha xornada de compras polos diferentes negocios da vila á vez que se pasea polas súas singulares rúas.
Ademais, tamén é unha magnífica opción para ir de tapeo e gozar da gastronomía de Ribadeo.