Os contos de Paula Carballeira

   27.03.22
   Escola de Covelas
Paula Carballeira
Especialmente coñecida como contadora de contos en circuítos nacionais e internacionais e como actriz en series de televisión como «Pepe o Inglés» ou «Libro de familia».
Traballa para público infantil dende diferentes eidos da creación artística. Ten publicados máis de 20 libros de literatura infantil e xuvenil traducidos a máis de oito idiomas. Gañou en dúas ocasións o premio Manuel María de Texto de Teatro Infantil e foi finalista do premio convocado por ASSITEJ-España.
Dirixiu espectáculos destinados a este tipo de público tanto para a súa compañía, Berrobambán, como para outras compañías como Talía («Pequena», «Rosa caramelo») ou para o Centro Dramático Galego («A Cabana de Babaiagá»).
Os contos que me contaron
Cando era nena non me contaron moitos contos, pero si me abriron as portas a moitas intrigas que me fixeron buscar as historias onde podía: nos libros, nas voces das persoas que coñecía ou descoñecía.
Despois de adicarme á narración oral como profesión, oficio artístico, desde hai máis de vinte anos, descubrín que os contos veñen a min. Son contos que comparten as persoas que precisan lembrar e que queren que lembremos, que falan de quen somos, de onde vimos.
Dalgún xeito, responden as grandes preguntas, gardan os misterios, perseguen facerte sorrir, rir, pero, sobre todo, buscan facernos sentir a gusto, en boa compaña.