Birding

O intercambio entre as augas doces do río e as salgadas do mar que se produce na ría, dá lugar a un ecosistema con características moi especiais. Os sedimentos arrastrados polo río xunto aos que trae a marea, forman un biótopo particularmente rico en nutrientes que atrae a gran cantidade de especies animais e vexetais que se distribúen ao longo da ría. Neste escenario, as aves adquiren especial protagonismo; na ría de Ribadeo identificáronse ao redor de corenta especies.
Este delicado ecosistema, está catalogado como Zona de Especial Protección de Aves ( ZEPA) Rede Natura 2000, Humidal Ramsar e Zona de Especial protección dos valores naturais (ZEPVN), entre outras figuras.

Un paraíso para as aves

A ría é de moi alto interese para os ornitólogos, que dispoñen dun observatorio estable. Durante o inverno, convértese en refuxio para unha gran variedade de especies que veñen dende o norte de Europa en busca de climas máis benignos para pasala estación fría. Moitas delas utilizan a ría coma un lugar de parada no que descansar e repoñer forzas, antes de continuala súa viaxe cara ós seus cuarteis de inverno (sur da Península ou África).
Pola contra, outras moitas elixen a nosa ría coma o seu destino definitivo, converténdose no seu lugar de invernada. 

Especies

Nesta época destacan polo seu gran número os grupos de limícolas, gaivotas, garzas, e moi especialmente as anátidas, con grandes concentracións de pato rabilongo (Anas acuta), lavancos (Anas platyrhynchos), asubiadores (Anas penelope) ou cercetas (Anas crecca). De tódolos xeitos, aínda que esta sexa a época con máis abundancia de aves debido á chegada das invernantes, durante todo o ano os afeccionados á ornitoloxía poden gozar da observación, posto que nas distintas épocas de paso migratorio, ou mesmo no verán, se poden ver outras especies novas procedentes doutras latitudes, que se suman ás que durante todo o ano viven aquí.

Coñece

A Ría de Ribadeo ten máis dunha ducia puntos habilitados para a observación de aves.

Observación

1. Faro de Illa Pancha
2. Escollera da lonxa de Ribadeo
3. Porto de Mirasol / Praia dos Bloques
4. Observatorio de Reme
5. Desvío carretera Lourido/Noceda
6. Porto de Vegadeo
7. Observatorio del Fondón
8. Punta de Castropol
9. Observatorio de Salías
10. Observatorio de La Linera
11. Penedo do Corvo
12. Charca de Rinlo
13. Punta Corveira