O Cantíl

Imposible desligar esta vila costeira do seu maxestoso litoral. Entrantes e saíntes de costa e relevos imposibles achegan a personalidade que caracteriza a esta marabillosa zona. A súa particular xeoloxía e o ruxir do mar pode sentirse na etapa do Camiño Natural Ruta do Cantábrico que discorre por todo o municipio de Ribadeo bordeando o mar, pasando por paraxes naturais que son únicas na costa cantábrica, entre as que destacan as pequenas calas e os cantís que conforman a espectacular costa ribadense.
Transitando pola liña costeira e gozando de espectaculares cantís e praias, o viaxeiro pode percibir a estreita relación das xentes do lugar co medio mariño. O punto final localízase na praia das Catedrais, declarada Monumento Natural pola enorme beleza das singulares formas rochosas creadas polo mar.

O noso litoral

Dende a Illa Pancha, no leste, ata o límite co municipio de Barreiros, no oeste, o litoral ribadense convértese nunha infinidade de entrantes e saíntes.
Entre os primeiros predominan as praias recollidas, como as de Rochas Brancas, Xuncos, As Illas, Os Castros e Esteiro, ou pequenas enseadas rochosas como A Insua, Arnela, Loureiro, Coedo, Areosa, Cegoñas ou Cabalar, en ocasións cubertas de cantos rodados e que poden pasar desapercibidas se o visitante non se achega o suficiente á beira do mar.
Entre os segundos destacan numerosos saíntes, auténticos aguillóns que se incrustan no mar como o Penedo da Insua, Penedo do Corvo, Punta Corveira, etc.

As Catedrais

Os acantilados das Catedrais, a apenas 6 quilómetros da vila en dirección a A Coruña, constitúen un referente ecolóxico, xeolóxico e paisaxístico de ámbito europeo.
Declarados Monumento Natural pola Xunta de Galicia, esa paraxe de costa só é útil como praia durante a baixamar, pois durante a preamar é un máis dos acantilados da costa da Mariña contra os que rompen as ondas do Cantábrico. Pero nesa liña de terramar de pouco máis dun quilómetro de lonxitude o mar traballou durante séculos a rocha de lousa e xisto propios da zona creando unha ducia de covas e seis arcos de pedra que en dous casos superan os 30 metros de altura.

Hábitat Natural

Aínda que as formas que derivan deste peculiar encontro entre o mar e o continente sexan as protagonistas, non se debe pasar por alto a riqueza que este lugar posúe no que se refire á súa flora e fauna, propias da costa Atlántica, especies que tiveron que adaptarse ás extremas condicións ambientais do lugar. Así, a “herba de namorar”, o fiúncho de mar, o toxo ou o breixo forman parte da vexetación terrestre da zona. No que respecta á vexetación mariña destacar as algas vermellas e algas coralináceas incrustantes que, xunto cos liques, modifican o aspecto orixinal dos cantís.

A Fauna

Sobrevoan asiduamente este espazo as gaivotas; picoteando a beira do mar é común atopar o pirlo e nadando e mergullándose obsérvase o corvo mariño grande, que dá nome ás abundantes penas Corveiras da zona. Estacionalmente é posible contemplar, entre outras, a garzota ou a abubilla chegadas coa primavera, ou asistir ao paso de aves mariñas migratorias como o alca ou o mascato.
Por último, no referente á fauna mariña sobresae a presenza de percebes, mexillóns, lapas, caramuxos e landras de mar.

Coñécea

Esta é a ruta recomendada coa que poderás coñecer este enclave natural. O Camiño Natural Ruta do Cantábrico transita por toda a liña costeira do municipio ribadense e permite ao visitante gozar de espectaculares cantís e praias. 

Ruta do Cantábrico

Durante os seus 18,7 km o viaxeiro percibe a estreita relación das xentes do lugar co mar. 
O seu primeiro tramo é urbano e conta con importantes recursos culturais como o Cargadoiro ou o Forte de San Damián ata chegar a Illa Pancha.
O resto do roteiro, que discorre en ocasións por estreitas sendas sobre o mar, leva ao afortunado paseante por unha serie de lugares de interese tales como vestixios de antigos castros, praias espectaculares ou o pintoresco enclave mariñeiro de Rinlo, ata rematar na Praia das Catedrais.