Libre como os Páxaros

   24.04.2022 / 20:00 h
  Auditorio Hernán Naval
A compañía Teatro do Atlántico preséntanos unha posta en escena baseada en textos de Rosalía de Castro, engarzados con outros materiais que contextualizan e conforman unha vía pola que transita o pensamento da nosa autora.
“Unha muller toma a palabra e proclámase posuidora da súa liberdade. Declara, desafiante, non someterse ás regras da arte no exercicio da súa actividade creativa, nin acatar mandatos dos seus iguais.
Declara o seu amor pola literatura, a poesía e a lingua do seu país; o seu respecto e admiración polas escravizadas mulleres do seu pobo; e expresa a súa solidariedade e a súa dor polas miserábeis condicións de vida que aquelas teñen que soportar.
Denuncia o espolio do patrimonio forestal, a traxedia da emigración á que se ven obrigados centos de miles de compatriotas para poder sobrevivir, eles e as súas familias, á fame e á miseria. E clama contra o silencio que todo o envolve.
Muller. Filla de nai solteira. E de pai cura. Escritora. E poeta. Galega de pensamento libre. Libre coma os paxaros.
Chámase María Rosalía Rita de Castro”.