I Mercado Social

   18.06.2022 / 11:00 horas
   Parque San Francisco
O Parque de San Francisco acollerá a celebración da 1ª Feira do Mercado Social de Ribadeo.
O obxectivo desta actividade é promover a rede local de comercio e consumo no Concello de Ribadeo, achegando este modelo económico a toda a poboación.
Con esta feira, o Concello de Ribadeo súmase ao compromiso de afianzar a economía social, un modelo económico que ten en conta o medio ambiente, o equilibrio e a equidade nas súas actividades e nas relacións económicas, que busca establecer unhas condicións laborais dignas e xustas e fomentar a cooperación fronte á competencia.
Contará coa presenza de varias entidades de economía social, que se achegarán cos seus produtos e proxectos para amosar máis de cerca a súa actividade a todas as persoas interesadas.
Ao longo do día, haberá exposicións, mapa de solidariedade internacional sobre consumo, varios obradoiros e tamén haberá lugar para o lecer e o disfrute cunha sesión vermú ás 13.30 horas
E para os máis pequenos, haberá ludoteca e circo pola tarde.
Animamos a todas as persoas a celebrar con nós esta I Feira do Mercado Social.
 
Entidades participantes:
💫 Asociación Prato_Do. É unha entidade que traballa para mellorar a vida das persoas, promovendo e fomentando a participación e contribuíndo ao desenvolvemento sostible a través da innovación e a contribución aos ODS da #axenda2030. Desde a asociación, crean novas solucións a retos sociais e ambientais, con proxectos personalizados para entidades públicas e privadas.
💫 Breogainas. É unha entidade de recente creación que aposta, cre e trata de traballar baixo as premisas da agricultura ecolóxica. Breogainas está formada por dous mozos que que decidiron voltar ao rural na procura dun traballo digno e respectuoso co medio e co que nos rodea. Apostan tamén por un comercio de proximidade e, polo tanto, pretenden ser unha opción viable e de calidade no comercio da comarca.
💫 Coop57 Galicia. É unha cooperativa de servizos financeiros éticos e solidarios que ten como obxectivo contribuír á transformación social da nosa economía. A súa función principal é o financiamento de proxectos de economía social e solidaria a través da intermediación financeira. Recolle aforro popular da cidadanía para canalizalo cara ao financiamento de proxectos que acheguen un valor engadido para o conxunto da sociedade.
💫 Eo Alimenta. É un proceso participativo dirixido a construír colectivamente unha estratexia alimentaria para o territorio do río Eo que permita articular a produción a pequena escala e/ou agroecolóxica, coa extensión de redes e/ou diferentes modelos de comercio local, así como transitar cara un sistema alimentario máis sostible no territorio.
💫 Economia Solidaria Asturies, Esasturies. É un grupo de persoas e organizacións que, en Asturias, poñen a vida digna das persoas en primeiro lugar, creando novas relacións entre persoas, pobos e natureza fronte ao modelo capitalista, que ten como única prioridade o beneficio económico e financeiro. O seu obxectivo é construír unha rede asturiana de Economía Social e Solidaria, na que os proxectos de iniciativas colectivas que xa existen, e os que se van creando, atopen apoio mutuo.
💫 A Asociación “Espazo Agroecolóxico A Estruga”. Nace coa idea de aportar solucións sostibles e creativas para un óptimo e perdurable aproveitamento, a todos os niveis, do noso medio rural. Funcionan desde un punto de vista agroecolóxico onde importan, e moito, as persoas, os animais e as plantas. Ademais, traballan para xerar alternativas que enriquezan e valoricen a nosa contorna.
💫 Espazocoop Unión de Cooperativas Galegas. É unha unión de cooperativas e unha asociación empresarial sen ánimo de lucro que agrupa a máis de 220 cooperativas. O modelo empresarial que representa, o cooperativismo, é un modelo óptimo para o desenvolvemento socioeconómico dos territorios. Fai parte do movemento cooperativo galego, é entidade de referencia en Galicia e membro de organizacións estatais e internacionais que actúan a favor do cooperativismo.
💫 Fiare Banca Etica é un banco ético e cooperativo, con máis de 42000 persoas socias en Italia e España, que ofrece todo tipo de servizos financeiros a particulares, entidades e organizacións. O seu obxectivo é recuperar o valor social do diñeiro. Por iso, os depósitos de aforro das persoas e organizacións que comparten estes principios serven para financiar proxectos de inserción laboral, agroecoloxía, comercio xusto, educación, eficiencia enerxética, etc.