Ría de Ribadeo

Ribadeo é un municipio que ten como unha das súas principais riquezas a contorna natural na que se atopa. Máis aló da súa beleza paisaxística, moitos espazos son especialmente relevantes polos seus valores naturais e biodiversidade. Pero dous destes espazos destacan sobre os demais, ó ser incluídos dentro da rede europea de espazos naturais protexidos, a Rede Natura 2000. Falamos da ría de Ribadeo e do LIC As Catedrais.

Ecosistema Único

A Ría de Ribadeo posúe un ecosistema cunhas características moi especiais, no que as diferentes variedades de flora e fauna se teñen que adaptar a estas condicións. Os sedimentos arrastrados polo río, xunto cos traídos polas propias mareas, crean un biótopo moi rico en nutrintes, do que se aproveitan un gran número de especies animais e vexetais.

Reserva da Biosfera

Debido a esta gran riqueza, a ría de Ribadeo foi recibindo diferentes figuras de protección que dan mostra do seu gran valor ambiental. Así, está catalogada como “LIC- ZEPA da Ría de Ribadeo” (Lugar de Interese Comunitario – Zona de Especial Protección de Aves), segundo a Directiva Hábitat da Unión Europea, polo que pertence á Rede Natura 2000, e “Humidal de Importancia Internacional” segundo a Convención Internacional Ramsar. Ademais, a ría pertence ó conxunto territorial declarado pola UNESCO “Reserva da Biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón”, do que forman parte sete municipios galegos e sete asturianos.

Espazo Vivo

Nela desenvólvense todo tipo de actividades de pesca e marisqueo; actividades relacionadas co comercio marítimo; actividades náuticas, de lecer e recreo, ornitoloxía, etc., moitas posibilidades que fan aínda máis importante este espazo natural.
Neste sentido, o Porto Deportivo de Porcillán é un lugar ideal para a práctica de todo tipo de deportes náuticos e subacuáticos. Conta cunha contorna natural espectacular e unha infraestrutura moi completa. Así, é posible alugar embarcacións e amarres, dar paseos nunha lancha de pasaxe, e practicar deportes como: windsurf, kitesurf, surf, submarinismo, vela latina e lixeira, esquí náutico e kayak.

Coñécea

Estas son as rutas que recomendamos coas que poderás coñecer este enclave natural.
Reproducir vídeo

A Senda Azul

Senda litoral de 5,6 Km de lonxitude que discorre entre o Faro da Illa Pancha e o Muíño das Aceas, atravesando parte da contorna natural e urbana e bordeando a Ría de Ribadeo.
Esta senda litoral foi recoñecida como Sendeiro Azul no ano 2012. 
A Senda Azul posúe varios tramos ben diferenciados. O primeiro, ben adaptado, abarca dende o Faro de Illa Pancha ata o Forte de San Damián. O seguinte condúcenos ata o conxunto recreativo do Cargadoiro. Dende este punto en diante, a senda presenta limitacións para persoas en situación de discapacidade. A seguinte etapa conduciranos ata o Porto Deportivo, a Praia dos Bloques e, finalmente, desde a Casa das Algas ata o Muíño das Aceas, tramo no que o sendeiro discorre por unha área arborizada.

Ruta da Ría

Trátase dunha ruta circular que parte de Ribadeo e atravesa os montes máis próximos á ría de Ribadeo polo sur da vila, permitindo gozar de espectaculares vistas da mesma.
Esta ruta achéganos tamén importantes elementos do patrimonio etnográfico ribadense. No lugar de Ove destacan os espectaculares hórreos voados sobre a estrada ou a súa igrexa parroquial presidida pola cruz de malta identificativa da Orde Hospitalaria de San Xoán.
O muíño da Ignacia, sobre o arroio de Ramos, permite ao visitante contemplar o seu funcionamento tanto para moer o gran como para producir a electricidade para a súa iluminación. Unha vez na zona de Vilar pódese gozar dunha espectacular vista da ría de Ribadeo, e visitar a capela de Santo Estevo na Graña.
A ruta é curta, duns 6 km, e á súa conclusión, si se baixa até a ría, pódese ir até o muíño de mareas das Aceas.