Nadal

Veciños e visitantes saben que nestas datas a vila ofrece unha gran variedade de encantos que a converten nun destino ideal para ir de compras aproveitando a súa variedade e dinamismo comercial, deixarse levar polo ambiente máxico do seu Mercado do Nadal, gozar do colorido do alumeado das súas rúas e prazas mentres se escoita o son das panxoliñas, ou degustar o mellor da nosa gastronomía da tempada.
Todas estas cousas son a carta de presentación de como se vive o Nadal en Ribadeo.

Mercado do Nadal

O mercado é sen dúbida un dos grandes atractivos do nadal ribadense e onde atoparás ese agasallo especial co que sorprender nestas datas.
Conta cunha gran variedade de postos, onde artesáns, creadoras e produtoras tanto de Ribadeo cómo da comarca, na súa maioría, nos mostran os seus traballos e ofertan produtos de artesanía – cerámica, xoiería, xoguetes ou costura-, de decoración de Nadal ou de alimentación –embutidos, doces, chocolates ou produtos de panadería.
Ao seu redor desenvólvese un amplo programa de actividades culturais que inclúe tanto actuacións musicais, teatrais, de maxia ou de monicreques para todas as idades e que se complementan con obradoiros para os máis pequenos.

Tradición Belenista

A visita aos diferentes beléns que se instalan na vila é unha tradición arraigada en Ribadeo. Adornando estas festas do Nadal, en diferentes capelas e igrexas poderemos visitar significativos beléns froito do traballo de diferentes colectivos e asociacións locais:
 
– Belén da Igrexa da Terceira Orde.
– Belén da Igrexa Parroquial Santa María do Campo.
– Belén da Agrupación Belenista de Ribadeo.

San Silvestre

Outro dos eventos clásicos do Nadal.
Con máis de trinta edicións as súas costas, a nosa San Silvestre reúne tanto a nenos coma a novos e maiores que aproveitan para despedir o ano practicando o seu deporte favorito polas principais rúas da vila.

Festival de Jazz&Blues

Festival de Jazz y Blues de Ribadeo, que vai xa pola súa séptima edición, é unha das grandes citas musicais da vila. Ofrece un cartel diverso, mais mantendo a calidade que sempre busca, achegando os mellores grupos de blues, jazz e música de raíz americana.
O festival acompáñase de outras actividades como exposicións, conferencias, mesas redondas, mesas de cine e mercados de discos.