Camiño Natural Ruta do Cantábrico

Ruta do Cantábrico

Disfrutaremos desta senda camiñando por fermosos pobos pesqueiros, entre cantís esculpidos polas ondas.
Esta etapa do Camiño Natural da Ruta do Cantábrico comeza no porto de Ribadeo, transitando pola liña costeira e gozando de espectaculares cantís e praias, e percibindo o viaxeiro a estreita relación das xentes do lugar co medio mariño.
O punto final localízase na praia das Catedrais, declarada Monumento Natural pola enorme beleza das singulares formas rochosas creadas polo mar.
O itinerario pódese realizar a pé e en bicicleta, sendo ciclable na maior parte do trazado. A relación entre o ser humano e o mar é palpable ao longo de todo o itinerario.

Camiño Natural

Esta ruta, deseñada para sendeiristas e que cobre 18 quilómetros, pódese percorrer en 4/5 horas e practicamente todo o traxecto é chairo. Seguindo o trazado prefixado o camiñante coñecerá, entre outros lugares, a Illa Pancha e o seu faro e o Castro das Grobas, paraxes naturais que son únicas na costa cantábrica, e ademáis diso as pequenas calas e os cantís que conforman a espectacular costa ribadense.

Rinlo

Despois de superar o quilómetro 8 o viaxeiro pode visitar o Castro de Fornelos e dirixir os seus pasos cara a Rinlo. Nas súas proximidades, unha furna esculpida polo mar, que o viaxeiro non debe deixar de visitar, e a área recreativa Campo do Cristo, conducen ó camiñante ata Rinlo, localidade pesqueira coa segunda confraría de pescadores máis antiga de España. O camiño transita polo paseo marítimo para alcanzar, unha vez abandonado o centro urbano, o porto de Rinlo e a continuación unha antiga cetaria. Nas cetarias entra a auga do mar para a cría de crustáceos.

As Praias

Superado o quilómetro 15, entre cultivos e gando vacún, deixando atrás unha bela praia rochosa, o Camiño Natural accede á espectacular praia dos Castros, dotada dun gran aparcamento e varios miradoiros. A etapa continúa por un camiño ancho moi próximo á liña de costa, chegando á praia das Illas, onde o camiñante pode gozar da beleza da paisaxe composta polos numerosos illotes próximos á costa, circunstancia á que debe o seu nome.
Hai que ter moito coidado ao achegarse á base dos cantís, xa que a costa é moi activa e poden producirse desprendementos de rocas.

O Litoral

A continuación abandónase a praia e continúase pola estrada situada á fronte, pasando polo quilómetro 16. Posteriormente vírase á dereita continuando por este vial asfaltado para virar á esquerda pola estrada LU- P-610, abandonando esta última nun xiro á dereita á altura do quilómetro 17, na praia de Esteiro, que forma parte do Monumento Natural das Catedrais.
O tramo final desta etapa discorre por un camiño, que xusto antes de chegar ó momento final transita paralelo á estrada LU- P-610 penetrando na praia das Catedrais polo seu aparcamento, sendo esta paraxe un inmellorable colofón de etapa.

Descúbrea

Descarga a App de RibadeoXNatural e coñece esta e outras rutas naturais.