Ruta do Camiño de Santiago

Camiño de Santiago

A etapa por terras Ribadenses é un traxecto duns 16 km que se inicia no porto, dende onde o peregrino ascenderá pola rúa Amando Pérez, antigamente rúa Maior, cara ao centro histórico da vila, que se alza sobre unha atalaia natural dende a que se pode divisar a beleza da ría que lle dá nome, para penetrar despois no seu importante conxunto arquitectónico medieval e moderno.
Dende aquí, o Camiño continúa por unha antiga ruta, quizais romana ou tardorromana, que ademáis era a principal vía de acceso ó interior de Galicia e á antiga capital de Mondoñedo, e que nos levará a Vilanova de Lourenzá. 

O Porto

Os peregrinos viñan por terra dende Francia, ou por mar procedentes de países atlánticos. Unha vez chegados a Castropol unha gran maioría tiñan que embarcarse para cruzar a Ría de Ribadeo e entrar en Galicia por Santiago de Vigo, a vella “Ripam Euve”, Ribadeo na actualidade. 
Barcas situadas en diferentes puntos da ría de xeito gratuíto permitían o paso dun lado a outro. Destas barcas, da que maiores referencias temos é da do matrimonio Bela (século XII), que tiña que levar e traer aos transeúntes polo Porto Xulián (na actualidade Porcillán). 

A Vila

Ascendemos pola rúa Amando Pérez -antigamente rúa Maior- ata o centro histórico da vila co seu relevante patrimonio arquitectónico, medieval e moderno.
Finalizada a subida, o Camiño chega á Praza de España. Ao redor desta praza álzanse construcións que permiten percorrer a historia de Ribadeo, como o pazo de Ibáñez, a Torre dos Moreno, o Convento de Santa Clara e a Igrexa Parroquial de Santa María do Campo. De visita obrigada para o peregrino, a igrexa parroquial de Santa María do Campo foi parte do antigo convento franciscano fundado, segundo a tradición, por Francisco de Asís.
 

O Interior

Abandona o Camiño o Centro histórico pola rúa San Francisco encamiñándose cara á Capela de San Lázaro. É o único que se conserva do antigo hospital do mesmo nome que existiu desde o século XIV para a atención de enfermos de lepra. Desde aquí, o Camiño continúa por un antigo roteiro, quizais romana ou tardorromana, que ademais era a principal vía de acceso ao interior de Galicia e á antiga capital de Mondoñedo, e que nos levará a Vilanova de Lourenzá.
O peregrino cruzará as parroquias de Ove, onde a antiga Orde dos Cabaleiros Hospitalarios tivo unha das súas casas dependente do Hospital de Portomarín, Covelas e Arante. 

A Ponte

Nesta última, no barrio da Ponte, a visita ao Santuario de Nosa Señora das Virtudes é obrigada.
Trátase dun santuario moi venerado e visitado polos fieis debido á fama de milagrosa da súa virxe. A orixe deste templo data de finais do século XIV, aínda que foi reformado nos séculos posteriores. 
Este templo conserva un rico patrimonio en pinturas murais tardomedievais, así como un singular exvoto pintado que relata a intervención milagrosa da Virxe a favor do navío Santa Catalina, en 1595.

Descúbrea

Descarga a App de RibadeoXNatural e coñece esta e outras rutas naturais.