As Cruces de Pedra.

   13.05.2022 /  30.05.2022
  Sala de Turismo de Ribadeo
AS CRUCES DE PEDRA DE CASTELAO
 Baixo o título ‘A Bretaña que hai en Nós. As cruces de pedra na Bretaña, de Castelao’, este venres 13 de maio, a partir das a 19.30 horas, na Sala de Turismo de Ribadeo (Rúa de Dionisio Gamallo Fierros, 7) a Asociación de irmandade Ribadeo-Loctudy, Asociación Cultural Vagalumes da Estrada, o Concello de Ribadeo e a propia Federación de asociacións culturais Galiza Cultura organizamos esta exposición, unha ollada á obra de Daniel Castelao As cruces de pedra na Bretaña.
En 1929 Daniel Castelao e Virxinia Pereira viaxan a Bretaña e durante catro meses percorren a vella Armórica. Alí, Castelao establece contacto con intelectuais bretóns de diversas áreas e variado signo político, interesándose por todos os aspectos da cultura e das xentes do país celta, que sinte como irmán.
Desta viaxe nace a obra de Castelao publicada en 1930 polo Seminario de Estudos Galegos, estudo histórico e descritivo dos cruceiros na Bretaña e como documentación previa para outro traballo similar que estaba preparando sobre os cruceiros galegos, As cruces de pedra na Galiza.
A exposición naceu como unha iniciativa da Asociación Cultural Vagalumes, diante da situación de emerxencia que sofre o noso patrimonio, emprendendo unha campaña de difusión e valoración dos nosos bens.
Deste xeito, o pasado 26 de novembro de 2021, presentouse este proxecto na Estrada, nun acto público, concretado naquela altura, nos cruceiros da localidade pontevedresa. Agora, a exposición dá o salto até Ribadeo.
A inauguración contará coa participación de Ugia Pedreira e Pier-Yves Rougier e a exposición permanecerá aberta até o 30 de maio.