Alejandro de Viana

   11.02.22 / 20.00 h
   Sala de conferencias Casa Viejo Pancho
Presentación do libro Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos exiliados republicanos a cargo do autor Roberto Mera.
Na Europa ocupada polos nazis miles de exiliados republicanos españois devecían por chegar a América para salvar as súas vidas. Entre eles atopábase Alejandro Viana Esperón (Ponteareas, 1877 - México DF, 1952), deputado republicano de esquerdas ao que ben se podería alcumar como o Schindler galego.
Á fronte de varias organizacións humanitarias, entre elas o Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles, Alejandro Viana organizou dende Francia a saída de miles de refuxiados nunha trintena de expedicións marítimas colectivas a distintos países de América, na súa maioría a México.
Cos alemáns en Francia, Viana arriscou a súa vida para continuar axudando os exiliados até que, acosado pola Falange e a Gestapo, emprendeu en 1941 unha desesperada fuxida. Logo de once meses de anguriante viaxe por África, logrou chegar a México. Alí reencontrouse tempo despois coa súa dona, tras once anos de separación, e viviu coa certeza de que xamais podería retornar á súa terra.
SOBRE O AUTOR
Roberto Mera Covas (Ponteareas, 1971), é licenciado en Dereito e Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela. É avogado e politicólogo.