Aldaolado. O Benquerer(se)

   06.03.22 / 20.00 h
   Teatro de Ribadeo
Poesía, música e humor. 60 min. Idade recomendada +16.
Dentro dos actos de conmemoración do Día Internacional da Muller.
Neste espectáculo as poetas Lucía Aldao e María Lado mesturan poemas, música e historias para facer visibles as desigualdades que as mulleres seguimos atopando na nosa vida pública e privada. Cun afiado sentido do humor, Aldaolado falan do patriarcado, do feminismo, da discriminación de xénero, do concepto do amor romántico, do amor a unha mesma e de todos aqueles temas cos que van tropezando no seu camiño cara o apoderamento. Para isto parten de experiencias propias que aparecen nas historias e poemas, pero tamén chaman por mulleres que marcaron a nosa historia – como Elisa e Marcela, por poñer só un exemplo-, e que van aparecendo entre os versos, nas cancións e nas pequenas homenaxes que conforman este espectáculo cheo reflexión, risas e amor.
Porque ser muller é tamén aprender a quererse e querer ás outras, e, se fai falla, rirse incluso dunha mesma e das nosas pantasmas. E Aldao e Lado pensan que o humor e a poesía son tamén ferramentas coas que mudar o mundo.
Prezo da entrada 4 €.