XCamiño

O Camiño Norte é un itinerario de comercio, cultura e peregrinación que conduce a Santiago de Compostela polo norte, tendo en Ribadeo un dos seus fitos sinalados. Devotos procedentes non só de terras asturianas, senón tamén de todo o norte da península, e incluso, do norte de Europa chegados por mar aos portos vascos e cántabros procedentes de Inglaterra, Flandes, Alemaña ou Escandinavia, entraban en Galicia cruzando o mar Cantábrico a través da fermosa ría de Ribadeo.
É a nosa histórica vila, porta de entrada e punto de partida en Galicia da ruta xacobea. Dende aquí, 193,2 km separan ao peregrino do seu ansiado destino, a catedral de Santiago.

 

Porta de Entrada

Ribadeo é a porta de entrada en Galicia do Camiño Norte e, como tal, convértese nun punto de referencia para os peregrinos, ben como punto de partida da ruta a Compostela, ben como punto de parada e lugar de descanso na súa viaxe, ofrecendo un ambiente atractivo e dinámico para aqueles usuarios que deciden optar por este camiño xacobeo.
Os peregrinos unha vez chegados a Castropol embarcábanse para cruzar a ría de Ribadeo e entrar en Galicia por Santiago de Vigo, a vella “ Ripa Euve”, Ribadeo na actualidade. Está documentada a existencia desde a idade media barcas distribuídas pola ría que facilitaban o paso do peregrino ata o seu desembarco no porto de Porcillán, antigamente coñecido como Julián. Hoxe a Ponte dos Santos achega Asturias e Galicia, simplificando a entrada en Galicia.
Como punto de partida, é unha das principais localidades galegas elixidas ano tras ano polos peregrinos. A situación xeográfica de Ribadeo, na costa da Mariña Lucense, a súa condición de centro distribuidor de comunicacións por estrada con Asturias e a riqueza dos seus ecosistemas mariños e terrestres fan desta vila unha das máis prósperas da provincia e un punto de partida moi atractivo e en auxe para os peregrinos que elixen facer o Camiño de Santiago do Norte.

De Catedral a Catedral

Hoxe en día os lugares máis visitados e internacionais de Galicia son Compostela coa súa catedral, obra cume da arte universal, e a praia das Catedrais onde as poderosas augas do Cantábrico labraron, co paso dos séculos, o que hoxe se antolla como un capricho da natureza, e sorprenden as súas covas, pasadizos e arcos, converténdose nunha das praias máis bonitas do mundo.
Estes dous recursos forman parte dun importante nexo de gran valor e riqueza e abrázanse nunha viaxe conxunta no que calquera viaxeiro que queira levar unha imaxe máxica de Galicia non debe renunciar á súa visita e asombrarse ante o poder de creación da natureza e do ser humano.
Para o peregrino que comeza o seu percorrido en Ribadeo, a praia das Catedrais é unha visita imprescindible onde cargar forzas antes de adentrarse na Galicia mística e deixar atrás o cheiro a  salitre do Cantábrico.

Prepara o teu Camiño

En todos os recunchos atoparás unha tenda ou establecemento que define a vida diaria e o dinamismo comercial da vila.
O comercio local destaca pola súa calidade e diversidade cun horario longo, flexible e adaptado ás necesidades dos peregrinos.
Aquí atoparás todo o necesario para planificar e iniciar a ruta (tendas de deportes, adquisición de credenciais, guías do camiño en Galicia, etc.); ou ben facer unha pequena parada no camiño e relaxarse gozando dunha ampla oferta de servizos (farmacias, clínicas podolóxicas, centros de fisioterapia, lavanderías, talleres de reparación de bicicletas) complementados por unha gastronomía local de calidade.
Ademais, Ribadeo conta cun albergue de peregrinos de titularidade pública que permanece aberto durante todo o ano, así como albergues de titularidade privada que, xunto coa importante infraestrutura de aloxamento existente, ofrecen aos peregrinos numerosas alternativas ao seu paso pola vila.

Coñece o Camiño

O Camiño de Santiago en terras de Ribadeo discorre por un territorio que conserva en gran medida as formas e modos de vida tradicionais, o que permite a identificación sobre o terreo dunha paisaxe cultural dende o punto de vista histórico, arquitectónico, arqueolóxico e etnográfico.

Ruta do Camiño

A etapa por terras Ribadenses é un traxecto dun 16 km. que se inicia no porto ,dede onde o peregrino ascenderá pola rúa Amando Pérez, antigamente rúa Maior, cara ao centro histórico da vila, que se alza sobre unha atalaia natural dende a que se pode divisar a beleza da ría que lle dá nome, para penetrar despois no seu importante conxunto arquitectónico medieval e moderno.
Dende aquí, o Camiño continúa por unha antiga ruta, quizais romana ou tardorromana, que ademáis era a principal vía de acceso ó interior de Galicia e á antiga capital de Mondoñedo, e que nos levará a Vilanova de Lourenzá. O Camiño de Santiago en terras de Ribadeo discorre por un territorio que conserva en gran medida as formas e modos de vida tradicionais e que nos brindará unha gran beleza paisaxística.
O traxecto por estas terras do interior supón gozar dunha infinidade de paisaxes cheas de contrastes e tén unha parada obrigada: o Santuario da nosa Señora das Virtudes.