A Pegada Relixiosa

A Pegada Relixiosa

Ribadeo é unha vila con máis de mil anos de historia, aínda que será a partir do século XII da man do rei Fernando II cando comece o verdadeiro desenvolvemento da súa poboación.
Na súa consolidación como burgo xogou un papel destacado a Igrexa, chegando a ser a nosa vila sede episcopal durante un breve período de tempo co bispo Paio de Cebeira (1199 a 1218). Aos poucos fóronse engadindo elementos característicos do ámbito urbano como a antiga Colexiata de Santa María (hoxe desaparecida) ou os conventos de San Francisco e Santa Clara.
Neste roteiro urbano pódense percorrer os seus principais elementos relixiosos, igrexas, capelas e conventos, que permiten coñecer a historia de Ribadeo.

Cabanela

Ribadeo foi sede episcopal co bispo Paio de Cebeira (1199 a 1218). Segundo a tradición, a antiga sede episcopal estivo en Cabanela e desta sede aínda se conservan unhas ruínas. Alí permaneceu ata 1218, ano en que retorna a Vilamaior de Brea, que adoptaría o nome de Mondoñedo.
Dos anos nos que a sede permaneceu nesta vila é o báculo do bispo Paio, magnífica peza de cobre dourado con esmaltes limosinos que hoxe está no Museo Nacional de Arte de Cataluña. Tamén a este prelado pertenceron os famosos zapatos episcopais atopados no seu sartego e que se conservaron excepcionalmente.

Capela da Atalaia

A capela, de carácter medieval e situada sobre tramos das antigas murallas, foi erixida no século XII, o que a converte no templo máis antigo da localidade, aínda que o seu pórtico é do século XIV e sufriu varias reformas no transcurso dos séculos, nunha das cales se tapou a porta que se abría sobre a Atalaia.
Conta cunha espadana dun só van e un pórtico de estilo gótico, con arco oxival e ornamentación xeométrica, encima do cal se pode observar o escudo de armas de Ribadeo.

Santa Clara

Orixinariamente era un beaterio no século XI, transformándose en convento no século XIV. No século XVI declarouse un voraz incendio o que provoca a súa reconstrución, trala mesma a súa situación mellorou considerablemente chegando a ser no século XVIII un dos mellores templos da provincia, ao posuír a comunidade que congregaba importantes rendas.
A principios do século XIX, con ocasión da invasión da vila polas tropas napoleónicas as tropas francesas ocupan o mosteiro danándose gravemente o edifico e sufrindo a perda dunha boa parte do seu arquivo. Entre 1810 e 1812 o edificio funcionou como hospital militar e posteriormente como albergue de enfermos transeúntes.

Santa María do Campo

Pouco queda xa do tempo medieval que existiu ata a desamortización de Mendizábal. O antigo Convento de San Francisco foi fundado, segundo a tradición, por Francisco de Asís durante a súa peregrinación a Compostela en 1214, ao chegar ata aquí por ser Ribadeo sede episcopal. Tras a desamortización reconverteuse en parroquial pasando a chamarse Igrexa de Santa María do Campo.
Non é ata 1902 cando se reforma e amplía a igrexa, construíndose a torre, a bóveda, o coro novo e elimínase o claustro. As portas son de estilo gótico e nunha delas podemos observar a decoración típica dos templos mendicantes no que respecta ao zig- zag que decora as portadas.

Venerable Orde Terceira

Esta construción foi a segunda que realizou a Terceira Orde de San Francisco (actualmente é unha Orde Franciscana Seglar), despois de fundarse en 1679, a primeira foi construída dentro do Convento de San Francisco en 1683 nun espazo cedido pola devandita comunidade no horto do convento. Esta capela destruiríase en 1926, dando pe á construción da actual.
Sufragada por Corona González, viúva de Ramón González ribadense que fixo fortuna en América, ten gran interese artístico o mausoleo que aquí se custodia cos restos de ambos.

Capela de San Roque

Nesta capela construída sobre un templo anterior do s. XIV, os aldeáns, entre os séculos XV e XVI, veneraban unha imaxe do santo por haberlle posto remedio á enfermidade de peste que arrasaba a rexión.
A capela experimentou diversas ampliacións, a máis importante no s. XVIII, cando o cóengo tesoureiro da catedral de Mondoñedo, Salvador Menéndez Navia e Villamil, mandou reedificar a capela desde os seus cimentos preto do antigo emprazamento.

Descubre