A Memoria do Son

   Do 15 de xaneiro ao 20 de febreiro de 2022.
   Sala de exposicións da Oficina de Turismo 
A exposición A Memoria do son está destinada a contribuír nos avances e coñecementos da sonoridade instrumental e vocal medievais.
Representa un medio excepcional para interactuar co son, recreando microespazos nos que desvelar documentos históricos, iconográficos e literarios. Un espazo destinado ao pracer da vista, do oído, un espazo para tocar, escoitar e entender o contexto no que foron creados co fin de que a visita resulte máis atractiva e enriquecedora.
Proxectada con vontade divulgadora, permítelles traballar aos docentes diferentes competencias, desenvolvendo, á vez, sentimentos de pertenza e espertando o pequeno investigador que levamos dentro. É accesible a todo tipo de públicos: non especialista, universitario, músicos, mestres artesáns ou investigadores e ofrécenos a posibilidade de contemplar unha ampla representación dos instrumentos musicais máis populares en Europa, desde os albores do século XII ata finais do século XIII. Dúas centurias de grandes innovacións e cambios tecnolóxicos nas que se sentan as bases para a revolución industrial do século XVIII e iniciar, así, o seu desenvolvemento.
Como resumo do que se foi vendo e experimentando no transcurso da visita, poñemos a disposición dos máis inspirados un salterio para que, coas limitacións impostas pola nova situación, se deixen seducir e poidan sentirse pequenos trobadores e músicos da corte, como propón a cantiga cento setenta e dúas do manuscrito de Alfonso X.
A exposición está organizada polo Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo.
Co motivo da citada exposición, expoñerase un pergamiño do século XII localizado no arquivo municipal de Ribadeo.
Grazas aos traballos de organización e descrición do fondo documental municipal que se veñen realizando nos últimos anos, localizáronse este e outros pergamiños medievais reutilizados como cubertas dos libros de contas do Hospital de San Sebastián de Ribadeo.
Concretamente o pergamiño que se vai a expoñer formaría parte dun códice litúrxico medieval e nel foron identificadas un total de sete antífonas que a través dun código QR os visitantes a exposición poderán escoitar nas voces da coral polifónica de Ribadeo.